Blogia
A MIÑA TERRA GALEGA

... ENTERRAN SEMENTE- Un mes sanguento-

... ENTERRAN SEMENTE- Un  mes sanguento-

 

 

             Fillos  desta nobre terra, asasinados polos fascista, que regaron co  seu sangue o chan dos nos ancestros, nunca vos esqueceremos.

             Agosto do 1936 foi un mes sanguento, un mes que se perdeu na memoria. Tal  esquecemento houbo que nin Casal, nin o pai de Isaac Díaz Pardo, asasinados, igual que outros demócratas, a mediados de agosto do 36 pola falanxe, trataron de esquecelos. Estes días véuselles facendo modestos homenaxes de recoñecemento. 

             O Axuntamento de Teo, do que é alcalde o nacionalista, o doutor  Martiño Noriega, deixou testemuño do acto de lembranza do asasinato do alcalde socialista de Santiago, mediante unha pancarta colgada na beirarrúa da estrada, na parroquia  de Cacheiras, no lugar do asasinato  Se alguén se pregunta por qué non houbo antes actos de recordatorio, a contestación é que había moito medo; a  xente está guiada  por un instinto de supervivencia.

             Tal día coma hoxe, do 1936, foi asasinado en Poio Alexandre Bóveda, nunca foi esquecido, nin a dura represión, ni a longa noite conseguiron borrar aquela fatídica data do 17 de agosto. Un vez mais, no cementerio Pontevedrés de San Mauro, un puñado de demócratas homenaxean  o Ilustre persoeiro.  

             Sen homenaxe, pero sempre no íntimo convencemento e no recordo, non  esquecemos a tódolos mártires; a eses inocentes asasinados por as urdas fascistas,. O 17 de agosto,  en recordo de todos eles, é o día  de Galicia Mártir.

              Os mártires do Caurel,  e de tantos lugares, aínda que mortos, no noso corazón seguen vivos.

              Feijoo pon  atrancos pra recuperación dos seus corpos e a súa memoria. A Memoria histórica é algo mais que unha organización, ou a política dun partido, é un sentimento. Non se pode consentir que Feijoo volva asasinar, de novo, os mártires do fascismo.

 

3 comentarios

Pontevedrés -

Moitas gracias MMarcos por este recordo. Aproveito para enviar a historia dos derradeiros momentos de Bóveda e Xosé Sesto:

Definiu Xosé Sesto a guerra incivil de 1936 como "Gran masacre cainesco que os catro xinetes apocalípticos -falanxistas, mouros, feixistas e nacionalsocialistas- desatarían sobre as terras pacíficas e esperanzadas das Españas".

Conta Sesto que, tratando de salvar a Alexandre, a tarde anterior fora e viñera por todas partes en Pontevedra, buscando de salvar un inocente. Esa mesma tarde pararon a Sesto. Un garda de asalto dixéralle que el ía ter a mesma sorte que Bóveda por tratar de salvalo, o vermello-separatista, "e ti es un deses, e vaiche pasar o mesmo que a el".

Outro garda de asalto, máis tarde, parouno para dicirlle, en galego, que el era amigo de Alexandre, que mesmo fora visitalo coa súa dona ao cárcere.

O garda dixéralle a Xosé Sesto que o escolleran para estar no pelotón de fusilamento que acabaría coa vida do seu amigo de infancia. Sesto díxolle que enfermase, ó que o garda lle contestou que lle poderían facer un Consello de Guerra.
-O que vou facer é negarme, dixo. Se me fusilan, que me fusilen por algo.
-Tes fillos?- preguntou Sesto.
-Teño, señor.
-Que vai conseguir con que o maten a vostede tamén?
-Que vou facer daquela, señor Sesto?
-É vostede católico?
-Si.
-Qué tal tirador é?
-Estou cualificado como de primeira.
-Pois ese valor tan extraordinario que vexo en vostede póñao ao servizo, serenamente, do seu pulso e apúntelle ao corazón, para que non sufra. E ofreza a súa dor por Alexandre e por Galiza.

Conta Sesto que marchou axiña e que ouviu tras de si un salouco. Non volve ver nunca aquel home, nin sabe cómo se chamaba. Só soubo despois que Alexandre Bóveda tiña un disparo no medio do corazón.

Sesto pasou con Alexandre Bóveda os seus derradeiros minutos de vida na cela. Confesaron e Alexandre pediulle a Sestiño que se achegase para rezar con el en galego.
Alexandre Bóveda pedíralle ó xuíz da causa, o comandante Vila, envolve-lo seu cadáver coa bandeira galega, ó que Vila respondeu que non había problema ningún.

A Bóveda notificáronlle a súa sentenza de morte un quince de agosto, e tivo que agardar tres días para a súa execución. O quince para o catolicismo espanol era día da Virxe, mal día para asasinar. O dezaseis cadraba domingo, mal día para asasinar tamén, así que o deixaron para o luns dezasete.
Ese luns 17 de agosto de 1936 saíu correndo Xosé Sesto ao Casino de Pontevedra buscar unha bandeira galega, precisamente no primeiro sitio no que se izou unha bandeira galega en Pontevedra.
Cando chegou ao lugar da execución, dezasete minutos despois de estar con Bóveda rezando, este era cadáver.
O comandante Vila negoulle a Sesto a posibilidade de envolver a Alexandre Bóveda coa bandeira galega que lle levara. Este replicoulle que ónde estaba a súa palabra, ónde a súa honra.

Correndo marchou á casa de Pepita Novás, que despois sería a súa cuñada, e pediulle que lle fixese unha pequena bandeira galega.
Volveu con esta outra vez onde o cadáver de Alexandre, bicouno e meteulla debaixo da ensanguentada chaqueta no peto do chaleco, unha pequena, minúscula bandeira que cinguiu a Alexandre todo, en nome de toda Galicia e de todas e tódolos galegos e galegas nesa viaxe de emigrante sen regreso que é a morte.

Leboráns -

Que fermosas verbas de Castelao cando se enterou do asasinato de Bóveda...non enterran cadáveres, enterran semente. E que razón tiña!!!

Lorcho -

Eses son os persoeiros ilustres, que mal que ben todavía teñen un oco na nosa lembranza, mais cantos anónimos caeron aqueles días de triste recordo!!!
En case todas as vilas aínda hoxendía pódense escoitar historias terribles para quen queira escoitalas, que nunca está demáis, principalmente para non voltar a repetir os mesmos erros.