Blogia
A MIÑA TERRA GALEGA

A HISTORIA É ESA

A HISTORIA É ESA

            Un lector do blog  escribiu este relato, que a min produciume unha  descarga.  Impactoume  e pensei que sería bo colgalo.

            Un día eu quixen coñecer a Caeira, ver o lugar onde asasinaran a Alexandre Bóveda. O eucalipto contra o que o fusilaron. Cortáranmo por orde da autoridade. Pra min aquelo era unha peregrinación a un lugar sagrado, pero encargáranse de borrar todo recordo da traxedia.

            A represión  de Franco foi a mais cruel da historia; nin sequera foi superada pola recente guerra dos Balcanes. A aparición en Andalucía dunha fosa con case 300 restos  de nenos, xunto con milleiros de restos  de adultos, homes e mulleres,  así o  certifica. Que o PP aínda non condene aqueles feitos, danos moias claves do presente.. 

Moitas gracias MMarcos por este recordo. Aproveito para enviar a historia dos derradeiros momentos de Bóveda e Xosé Sesto:

Definiu Xosé Sesto a guerra incivil de 1936 como "Gran masacre cainesco que os catro xinetes apocalípticos -falanxistas, mouros, feixistas e nacionalsocialistas- desatarían sobre as terras pacíficas e esperanzadas das Españas".

Conta Sesto que, tratando de salvar a Alexandre, a tarde anterior fora e viñera por todas partes en Pontevedra, buscando de salvar un inocente. Esa mesma tarde pararon a Sesto. Un garda de asalto dixéralle que el ía ter a mesma sorte que Bóveda por tratar de salvalo, o vermello-separatista, "e ti es un deses, e vaiche pasar o mesmo que a el".

Outro garda de asalto, máis tarde, parouno para dicirlle, en galego, que el era amigo de Alexandre, que mesmo fora visitalo coa súa dona ao cárcere.

O garda dixéralle a Xosé Sesto que o escolleran para estar no pelotón de fusilamento que acabaría coa vida do seu amigo de infancia. Sesto díxolle que enfermase, ó que o garda lle contestou que lle poderían facer un Consello de Guerra.
-O que vou facer é negarme, dixo. Se me fusilan, que me fusilen por algo.
-Tes fillos?- preguntou Sesto.
-Teño, señor.
-Que vai conseguir con que o maten a vostede tamén?
-Que vou facer daquela, señor Sesto?
-É vostede católico?
-Si.
-Qué tal tirador é?
-Estou cualificado como de primeira.
-Pois ese valor tan extraordinario que vexo en vostede póñao ao servizo, serenamente, do seu pulso e apúntelle ao corazón, para que non sufra. E ofreza a súa dor por Alexandre e por Galiza.

Conta Sesto que marchou axiña e que ouviu tras de si un salouco. Non volve ver nunca aquel home, nin sabe cómo se chamaba. Só soubo despois que Alexandre Bóveda tiña un disparo no medio do corazón.

Sesto pasou con Alexandre Bóveda os seus derradeiros minutos de vida na cela. Confesaron e Alexandre pediulle a Sestiño que se achegase para rezar con el en galego.
Alexandre Bóveda pedíralle ó xuíz da causa, o comandante Vila, envolve-lo seu cadáver coa bandeira galega, ó que Vila respondeu que non había problema ningún.

A Bóveda notificáronlle a súa sentenza de morte un quince de agosto, e tivo que agardar tres días para a súa execución. O quince para o catolicismo espanol era día da Virxe, mal día para asasinar. O dezaseis cadraba domingo, mal día para asasinar tamén, así que o deixaron para o luns dezasete.
Ese luns 17 de agosto de 1936 saíu correndo Xosé Sesto ao Casino de Pontevedra buscar unha bandeira galega, precisamente no primeiro sitio no que se izou unha bandeira galega en Pontevedra.
Cando chegou ao lugar da execución, dezasete minutos despois de estar con Bóveda rezando, este era cadáver.
O comandante Vila negoulle a Sesto a posibilidade de envolver a Alexandre Bóveda coa bandeira galega que lle levara. Este replicoulle que ónde estaba a súa palabra, ónde a súa honra.

Correndo marchou á casa de Pepita Novás, que despois sería a súa cuñada, e pediulle que lle fixese unha pequena bandeira galega.
Volveu con esta outra vez onde o cadáver de Alexandre, bicouno e meteulla debaixo da ensanguentada chaqueta no peto do chaleco, unha pequena, minúscula bandeira que cinguiu a Alexandre todo, en nome de toda Galicia e de todas e tódolos galegos e galegas nesa viaxe de emigrante sen regreso que é a morte.

0 comentarios