Blogia
A MIÑA TERRA GALEGA

O PURGATORIO

O PURGATORIO

         Manolo Rivas, co seu típico inxenio, anunciou que atopara o purgatorio perdido, ese que segundo o PAPA xa non existe, Manolo Rivas achou o purgatorio galego na chamada cidade da cultura, ese pozo, monumento á megalomanía do líder Fraga, no que se soterran millóns de euros. Sería bo que o dinamitero lle puxera fin ó disparate.

         As previsións de visitas, sendo realistas, sitúanse moi por debaixo da que se rexistran  noutros museos de Comunidade. O gran despropósito, tampouco ten un fin definido. O futuro da Cidade da Cultura é escuro; pois á falta de un proxecto, únese unha dirección mais política que profesional. O que tiña que facer o dinamitero é privatizalo, facendo n equilibrio pra que tamén comeran ese oso, os que están comendo a carne deste pais. O meu modo de ver terá que vir un goberno que teña o valor de desfacer todo.

           Pilar García Negro publicou un artigo, que paso a reproducir:

“No 26 de Febreiro de 1999, o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego solicitou a comparecencia no Pleno do Parlamento Galego do señor conselleiro de Cultura –que aínda está pendente de celebración–, verbo da chamada “Cidade da Cultura”. Seis meses despois, xa se procedeu á resolución do concurso de ideas do proxecto relativo á tal obra. Até o presente non houbo –a pesar da magnitude e trascendencia do proxecto– información nengunha do Goberno galego sobre este, no Parlamento de Galiza. Chama a atención que, por lei, indefectibelmente, ano após ano, o Goberno da Xunta de Galiza debe comparecer no Parlamento Galego para apresentar o Proxecto de Lei de Orzamentos, entre eles os da Consellaría de Cultura, que nunca chegaron, nunca, en diñeiros netos para Cultura, á cantidade aproximada de dezaoito mil millóns de pesetas, cifra –de certo, incrementábel– que se manexa para financiar a chamada “Cidade da Cultura”. En troca, aínda –reiteramos– non se ten producido información nengunha sobre o asunto en sede parlamentar. Por isto, formulamos a seguinte interpelación:

¿Cómo se explica un orzamento tan volumoso destinado a unha obra pretensamente cultural nunha cidade do noso país?

¿Cómo se compadece o gasto de dezaoito mil millóns de pesetas (ou moitos máis, eventualmente…) nunha obra ex novo, estando como está de (mal) atendido o patrimonio histórico-artístico galego no seu conxunto?

¿Cómo se compaxina coas minguadísimas cantidades que se destinan á produción, actividade e posibilidades de recepción da cultura galega actual?

¿Cómo se explica semellante desigualdade a respeito do país no seu conxunto?

¿Qué sentido ten que se acometan obras xigantescas que son redundantes, na parte infraestrutural, a respeito do que a capital da Galiza xa ten?

Nas “novidades” anunciadas (Sonomateca, Biblioteca Xeral…), ¿de que contido se vai encher este continente se son ridículas –por baixísimas– as cantidades orzamentarias dedicadas ás bibliotecas xa existentes e ao audiovisual galego?

¿Como se entende que unha boa parte dos monumentos de Santiago de Compostela xa existentes desde hai centos de anos continúen fechados e sen poder ser vistos, e se proxecte, megalomaniacamente, a urbanización ex novo do monte Gaiás na mesma cidade?

Se nunca a Consellaría de Cultura ‘gozou’ dun orzamento total de dezaoito mil millóns de pesetas, ¿como se xustifica que unha soa obra absorba esta cantidade, aínda que sexa en varias anualidades?

¿Como explica a Consellaría de Cultura o desembolso desta cantidade co entregado a bibliotecas, arquivos, teatro, música, danza, artes plásticas, museus, fotografía, videografía, comic, cinema, etcétera?

¿Por que, máis unha vez, diñeiros públicos van parar a profisionais estranxeiros no canto de se destinaren a competentes profisionais galegos no deseño dun proxecto de obra?

En fin: necesitando, como necesita, a cultura galega, no seu conxunto, de diñeiros públicos ben máis altos do que dezaoito mil millóns, sendo paupérrima a atención pública e orzamentaria que se dedica a necesidades ben básicas, ¿como se pode xustificar este despilfarro para obra tan faraónica canto inútil?”.

Amábeis e pacientes leitoras-es: o que acaban de ler, datado no 16 de setembro de 1999, é o texto dunha Interpelación que servidora rexistou no Parlamento Galego e cuxo debate se realizou naquel mesmo ano, prólogo doutras moitas iniciativas e intervencións parlamentares máis sobre este asunto. Aquí mesmo, cun No comment, podería rematar este meu artigo. Só advertirei que a amnesia propositada de moitos ten fácil curación: abonda con acudir aos Boletíns e Diarios de Sesións da Cámara galega. Por certo, non teño o menor interese en que se me recoñeza capacidade profética; simplesmente que se escreba a historia tal e como ela se produciu.

 

0 comentarios