Facebook Twitter Google +1     Admin

Se muestran los artículos pertenecientes a Mayo de 2011.

1º DE MAIO

20110502104033-gotas.jpg

 

 

         O deste ano foi un primeiro de maio pasado por auga. Foi, supostamente, a festa do traballo; debera haber sido a festa do paro. A chuvia deulle mais valía as manifestacións  e mais valor reivindicativo, do mesmo xeito que fai a auga co ferro co transforma en aceiro. Zapatero ten o mérito de ostenta-lo título de se-lo peor presidente de goberno. Fixo unha política de dereitas cos votos da esquerda; o cal lle agradeceron os empresarios, e diante da cal os sindicatos, con escaso poder de convocatoria, pouco fixeron. Houbo tempo pra avalia-la reforma do mercado laboral que fixo Zapatero: como reforma que ía activa-lo mercado laboral  foi un fracaso. Tamén foi un fracaso, mais grande, a promesa de Feijoo de reduci-lo paro. En Galicia o paro medra tres  veces mais rápido que no resto de España; se non estamos xa, á cabeza das estatísticas é grazas ó bo cociñado das enquisas. Feijoo fai ben o que teña que ver co trampeo  

 

02/05/2011 10:40 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

A NORMA EMBOSCADA

20110503113335-09.jpg

   Os peperos presentan como unha norma moi progresista a que regulará a convivencia nas aulas. En Galicia non hai problemas graves de convivencia; pero o PP aproveita unha feito sensible pra introducir con engano e elevosía instrumentos que lle permitan extermina-lo galego, que nada ten coa violencia nas  aulas, pero que si o ven moi perigoso. O acoso escolar, dentro e fora do colexio, parece que non é un problema. Pra algúns nunca chove dabondo; tal é o caso de Galicia Bífida, que quere mais extremismo; a norma parécelle branda, puro marketing, din

03/05/2011 11:33 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

DIA DA LIBERDADE DE PRENSA

20110504105547-rajoy-barco.jpg

 

     Non hai liberdade de prensa. O día da liberdade de prensa queda nunha data baldeira, que nos recorda que a liberdade de prensa non deixa de ser mais que un soño. Na case totalidade dos países democráticos nos que hai é a liberdade de empresa. Son elas as que definen a liña editorial;  por conseguinte orientan a información, pra influir na opinión: Os periodistas son simples asalariados, sen autonomía pra expresar unha opinión propia distinta da empresa. Incluso aqueles medios que se caracterizan por unha independencia dos partidos políticos, vense na obriga de pregarse ós ditados dos poderosos poderes políticos; tal foi o caso do Xornal, que se viu obrigado a cesa-lo director porque lle ordenou Rajoy, molesto con unha fotografía súa no barco dun narco.  

04/05/2011 10:56 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

¿VITIMA OU VERDUGO?

20110505104027-verdugo.gif

 

          Feijoo instalouse no papel de vítima, porque non quere admiti-la magnitude de seu fracaso.  Din os achegados, que  intentan xustifica-lo, que en campaña electoral lanzouse a prometer porque nunca pensou que ía a gañar.

           Non é relevante, pra el, ter sumido o pais na desesperanza. porque nunca lle preocupou Galicia; preocupoulle asalta-lo poder, pensando  que sería un medio, un trampolín pra maiores empresas. Do incumprimento das súas promesas, parece que todo o mundo é culpable, menos el. Non é culpa súa que a xente estea parada, que emigre como fixeron outros; non é culpa súa que haxa dependentes, a Xunta non é unha ONG; non é culpa súa que a xente non sexa atendida na sanidade, seguro que son da oposición e queren lixa-la.

           Non é vítima, aínda que intente parecelo, é o verdugo de tódalas políticas sociais que se fixeron, dos espazos naturais, da economía , do emprego, das infraestruturas e da convivencia.

05/05/2011 10:40 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

PACTO DE INFRAESTRUCTURAS

20110506105039-carrosa.jpg

        O superconselleiro está pesimista. ¿Qué lle pasa ó Superconselleiro?. Non Cree que Galicia teña o AVE rematado na data prevista; esa posibilidade prodúcelle un proído que lle da malvivir. Eu estou de acordo con el; aínda que o mellor non coincidamos de todo. O AVE  a Galicia é un empeño do Ministro de Fomento, un galego que se converte nunha excepción. Ningún galego Ministro inverteu tanto en Galicia. Si o PP gaña as eleccións, cousa que é previsible, a construción do AVE paralizarase; non sei que razóns buscará o PP pra facelo, pero seguro que o fará. Así que a todos nos urxe presa coa obra. Como adianto do que pasará está ese intento de que Feijoo asumira un pacto  similar polas infraestruturas a nivel autonómico. Feijoo deu un pase de verónica  e o ofrecemento era un pacto no que el era protagonista e xuíz, con posibilidade de modifica-lo pacto a súa conveniencia

06/05/2011 10:50 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

A REDE NATURA AGARDA

20110507102019-2009071301504311884.jpg

    Non creo que surta moitos milagres a premura da CE á Xunta pra que defina a protección da Rede Natura. Feijoo ten todo o territorio a disposición dos especuladores. Non se pode chamar doutro xeito, cando o obxectivo esencial é a especulación, o que queda patente co freo  das inversións anunciadas polas empresas que se debecen por estas zonas,  diante do desplome do mercado inmobiliario. Non hai alternativa, os bonsais teñen que colgar do pau maior.

07/05/2011 10:20 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

MAGRA MELLORA

20110509103814-viento.gif

       O paro de abril baixou  en Galicia en 4.500 persoas, parabéns ós que atoparon traballo. O líder apropiouse dese feble dato e os lambecús estráronlle o chan de pétalos de rosas. Ademais de ser prematuro celebralo, xa que pode ser un feito aillado, e non unha tendencia; resaltan o inmoral e extravagante comportamento de Feijoo, que se apropia de unha feble melloría no paro, pola contra, cando sube a culpa é de Zapatero.

        Nas eleccións municipais pon como promesa crear emprego; pois ben, solo en 70 concellos de Galicia non baixou o paro, dos que 50 son gobernados polo PP; si temos en conta que eses 50 concellos do PP teñen unha nula, ou baixa actividade. no conxunto da economía galega e que dende a Xunta se lles transferiron fondos, xenerosamente, e con agravio pros concellos gobernados pola oposición, a conclusión é obvia: son rematadamente malos os gobernantes municipais do PP.   

 

09/05/2011 10:38 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

DEXENARACION DEMOCRÁTICA

20110510100803-795175-973433.jpg

         Na pasada campaña das autonómicas, Feijoo, unha das moitas cousas que prometía, e coidado se prometía, era a rexeneración democrática; promesa que volve facer agora. Resulta curioso quen está levando o pais  a un nivel de corrupción e de dexeneración democrática, reedite vellas promesas incumpridas e  pretenda aparecer como o salvador da convivencia. Pode que a través dos seus lentes vexa unha realidade distorsionada, pode que solo pretenda cubri-la súa ineptitude con cortinas de fume, pode que considere ós cidadáns uns idiotas  sen  cerebro. Debía empezar por respetar a voluntade dos electores, e non promover múltiples mocións de censura nos  concellos, deberá facer efectivo  o dereito de aceso á Función Pública en igualdade de condicións, e non meter xente a dedo, debera quitar ese control ideolóxico dentro da Administración pra promocionar solo os afíns, debera pensar no ben do pais, como é a súa obriga, e non na camarilla; debera ser mais austero e latricar menos, o movemento demostrase andando, e a austeridade exercéndoa.

 

10/05/2011 10:08 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

PROMESA GASTADA

20110511103016-20101109134420-cinismo.jpg

 

 

     Rematar co paro pasou a ser unha promesa común a tódolos partidos, sabedores da magnitude da traxedia. O paro é unha preocupación de primeiro nivel; pero que credibilidade pode ter na boca de quenes provocaron a crise, ou na de aqueles que xa prometeran o mesmo con anterioridade, co resultado que xa sabemos. Eu penso que a única promesa real é colle-lo asento, co que automaticamente eles saen das listas do paro . Estes brindis ó sol, este tipo de promesas, feitas sen que realmente as asuman, é xogar coa necesidade dos desesperados. Un primeiro paso pra que os cidadáns non crean nas promesas electorais.

     Diariamente pecha una empresa en Galicia. Así as cousas,  tranquiliza pouco as promesas do pequeno presidente cando ten demostrada unha desidia, ou ineptitude, pra poñer freo á sangría do paro.

11/05/2011 10:30 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

A TALLA DO PRESIDENTE

20110512110011-enano-grumpy.jpg

 

 

            O Delegado do Goberno, O Sr. Cortizo, deu por concluído o período de cortesía e, cheo das impertinencias do pequeno Presidente, fai un aserto pouco cortes; di del,  que ten pouca talla cultural e que xa non ten idade pra abaixarse o seu nivel, porque ten medo a lesiona-la columna. As palabras de Cortizo son fortes, pero a fachenda, cunha dose de cretinismo, do Presidente faise difícil de soportar.  As persoas ignorantes non son conscentes do seu límite e do rídiculo que fan. Lembro as súas viaxes polas distintas Autonomías intentando venderlles o seu invento do bilingüismo armónico. Do ridículo que fixo en Cataluña fíxome sentir unha inmensa vergoña de ter un Presidente tan pouco avisado; do mesmo xeito, tamén lembro a cara que poñían na Lendekariza, cando o seu viaxe ó Pais Vasco. O mais, do mais, foi a viaxe ó Principado, onde rompeu moldes. Por sorte, dende Xénova puxeron algo de sentido e os disparates remataron. Segue recluído no seu feudo galego, e non me estrañaría que, chegado o momento o PP cancele a obra do AVE, pra que siga illado nesta esquina.

12/05/2011 11:00 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

O PEQUENO PRESIDENTE

20110513110324-gallo.jpg

 

       Dicía un home da miña aldea, baixo de estatura, que os homes solo eran homes dos ombros pra riba. Por iso, a talla de Feijoo solo  é avaliable  o que ten riba dos ombros, que a xuízo do Delegado do Goberno non é de moita valía.

        Polos pasillos de Monte Pío camiña o noso presidente mirando de reollo o retrato de Touriño, de gana o pisaba, por ocupar aquela austera vivenda no pasado. Mais, aínda que resulte paradóxico, o que mais lle desacouga é o retrato de Fraga. Cando se mira n o espello, créndose mais grande que Fraga, o espello devólvelle unha imaxe minguada,  dun anano arrugado. De pouco lle serve poñerse na punta dos pes fronte o retrato de Fraga, adoptando a postura dun galo kirico,  pra semellar mais grande que Fraga; el pasará, pensa, a historia, o deixar pegada do seu paso. Non en balde, o concepto de Galicia Única, coa imposición de principios fascistas e a crispación social, son logros seus; pola contra Fraga coa obsesión por acada-lo mellor pro Pais, esqueceuse de crear un Estado ideolóxico coma o que el pretende.  A obsesión con Fraga tivo un momento cómico; cando no discurso de investidura simulou emocionarse como lle pasaba ó león de Vilalba.

 

13/05/2011 11:03 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

ALCALDE OU PAVO

20110514105949-pavo-20real.jpg

           Os candidatos a alcalde do PP son tan malos que  solo van de teloneros nos mitins; son como o recheo do pavo.O pavo, por suposto é Feijoo e, ademais de omnipresente, principio e fin de tódalas cousas. Tal é o seu protagonismo. O discurso non ten orixinalidade, sempre son as mesmas promesas, as que a todo votante lle encherían na súa perspectiva: austeridade e emprego. Mais as promesas fanse a medida que se quenta a boca; sendo, cando logo vemos a semellanza dos mitins  coas borracheiras, saíndo o verdadeiro animal. Preocupados porque lles gañen as alcaldías con pactos poselectorais; Rajoy chegou a dicir que si gañaba ía a prohibi-los gobernos bipartitos. Iso da idea do sentido da democracia que ten esta xente. Quere gobernar, no por  vontade dos cidadáns, senón por mandato divino; e se é preciso mercan transfugas.

        Co simulacro da sinatura dun contrato cos electores dos candidatos das sete cidades; Feijoo parodia a escenificación da sinatura do contrato que el fixera antes das eleccións autonómicas.  Non importa o que conteña o papel, mesmo pode conter o resultado da partida de mus que xogou cos candidatos despois do xantar. Pra el os electores son uns cridos, nin sequera hai que intentar cumpri-las promesas;  chega ver  o ben que lle foi a el.

         Non bou falar do alcalde pupular de Palas de Rei, denunciado por apropiación, falsidade, inxurias, etc; nin siquera de Negreira, home do GÜRTEL  en Galicia, baixo  o patroado de Feijoo; e que dicir de Corina e Telmo: uns anxos. Voto de menos un compromiso coa ética; non é tempo de cocido; imos pro verán; e os chourizos sobran, o mesmo que os simulacros de contrato. Menos parodias e mais realidade.

 

14/05/2011 10:59 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

BERROS DE LIBERDADE

20110516103943-pancarta-1.jpg

 

       O Bardo Cunqueiro pedía mil primaveras mais pras letras galegas; aquel Bardo fabulador non podía imaxinar, que pouco despois do seu pasamento, as letras galegas vivirían o seu día grande inmersas nun estado de excepción.

       No día de mañá multiplicaranse por toda Galicia, e fora de Galicia, os actos de reivindicación.  Non é, a data do dia das Letras Galegas, unha data festiva coma as anteriores, é a data na que miles de gorxas berran desesperadas, pedindo á liberdade.

       Ter superado a –Longa noite de pedra-, da que falaba Celso Emilio, parecíanos que xa a cultura milenaria de Galicia se atopaba vacinada contra tódalas adversidades. Nade podía presumir que un día chegaría ó goberno da Xunta un malvado inquisidor, emulador de Torquemada, que perseguiría con especial saña a cultura galega coa intención de facela desaparecer, deixándoa reducida a un vestixio pros curiosos. O Goberno Autonómico que debía ser protagonista da conservación da cultura galega convertese no perseguidor e asasino do noso idioma. O mesmo que Deus derrubou do cabalo a Saulo cando perseguía ós cristiáns, o pobo galego ten que derrubar a este trilero farsante que nos desgoberna.

       Non está demais recorda-lo artigo 5-4 do Estatuto de Autonomía, segundo o cal: Os poderes públicos de Galicia garantiran o uso oficial e normal dous dous idiomas e potenciará o emprego do galego en tódolos planos da vida pública cultural e informativa, e disporán os medios necesarios pro seu coñecemento.   

       O día das letras galegas deste ano está dedicado Lois Pereiro; posiblemente, sen propoñelo, sexa un gran acerto; porque é un exemplo do esforzo en grupo; que é o que mais necesitamos hoxe os galegos pra enfrontarnos a Atila.

 

 

16/05/2011 10:39 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

ATOPAR UNHA RAZÓN

20110517111611-imagescatavebc.jpg

 

   O protagonismo de Feijoo na campaña das municipais produce curiosidade; unha curiosidade que nos move a atopa-las razóns de tan desmedido protagonismo. Unha sinxela e superficial conclusión sería imputa-lo protagonismo ó modo de ser de Feijoo; unha persoa  cun tremendo gusto polo protagonismo persoal, un edonista, que namorado  de si mesmo, considerase o único poseedor da verdade; ou tamén unha representación montada polo circo mediático do PP.  De calquera xeito parece que o culto ó líder que, aínda que sexa un boneco,  nos transporta os modelos do que críamos extinguido fascismo. Porque todo nese circo non é casual, senón que ben medido polo impacto propagandístico, afírmanos na idea dunha estratexia de Xénova.

 

17/05/2011 11:16 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

20110518103112-20100702104023-austeridad-1.jpg

CONTAS   E PROMESAS

      Rajoy afirmou, nun mitin, que naquelas CCAA nas que goberna o PP reduciuse o paro. Un argumento que, ó menos, non é aplicable a Galicia. Co goberno de Feijoo pasamos  de ser unha das CCAA que menos emprego destruía a  situarnos  coas de cabeza; iso que prometera nas eleccións autonómicas que o ía eliminar. Promesa  que incluíra no seu famoso contrato. A Conselleira do par suprimiu tódalas políticas de emprego diseñadas polo bipartito, sen que fora capaz de artellar nada orixinal: O resultado un incremento do paro que bate records. Tampouco en asistencia a dependentes, os maiores e os  colectivos marxinais se fixo nada, despois do que tiña en marcha o bipartito, que derrogaron sen construír nada. Sen que se dote economicamente, Feijoo promete, por eles, que os concellos farán as políticas sociais e de emprego que el non fixo.  Promesas que xa se sabe, dende agora, que non se poden cumprir, tanto pola falta de competencias, como pola falta de recursos.

      As contas que presenta, dicindo que os bipartitos son caros e os peperos van de austeros; canse sos. As Deputacións gobernadas polo PP son un 25% mais caras, o persoal amoreáselles, e os servizos mingúan. Se a xestión económica que van facer e semellante a da Xunta solo cabe esperar incremento nas taxas, no endebedamento e diminución de servizos.

      Dos tránsfugas mocións de censura e corrupción, nada di, mais nos non esquecemos.

18/05/2011 10:31 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

CARRAXE

20110519110141-pancarta-1.jpg

 

        Ver a Feijoo na celebración do día das letras galegas, de por si, xa da carraxe;  pero escoitarlle le-lo  discurso supera todo o imaxinable. Le os discursos con énfase e entoación; no  caso do discurso do día das letras galegas, facía unha lectura desganada e incoherente; como se se asombrara do que dicía. No acto había unha notable ausencia de peperos,  agás os ía o recendo do líder. Seguro que Lois Pereiro non os votou de menos. Como dixo Manuel Rivas, no cocido si que hai  autoridades; alí  rareaban como os castiñeiros. Queda demostrado o nivel cultural dos próceres, mais amigos  das viandas

19/05/2011 11:01 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

SUBASTA DE PROMESAS E GASTOS SEN LIMITE

20110520170625-subasta-del-poder.jpg

 

  

     Vendo as ofertas que os distintos partidos ofrecen, fai falla moita forza de vontade pra non votalos a todos.  Non votalos a todos ó  fondo do mar, cunha corda o pescozo e os pes lastrados. Mais se houbera un premio pras fantásticas  ofertas, o premio, sen dubidalo, sería de Feijoo; porque hai que ter morro votarlle a culpa do paro ó Goberno Central, sen asumi-la súa. Recibiu un pais cun paro modesto, e agora é campión da destrución de emprego, suprimindo tódalas políticas de emprego herdadas. Promete que os axuntamentos do PP van desenrolar unha política social; se  é igual que a da Xunta, que deus se apiade de nos. Non digamos da austeridade; porque é unha burla, coñecendo o espléndido que é o PP co dos demais. Por exemplo: dálle terreos municipais a airexa católica gratis; uns terreos que son de todos, incluídos os non  católicos.

    Cando se dispón cartos, cando os gastos non teñen límite, pódense facer moitas cousas,  sen chegar a mercar vontades. Haberá quen se pregunte cómo Baltar pode ir ós mitins cunha morea de cartos en efectivo; sacar do maletero 3000 euros; como si un calquera bota man do moedeiro e saca unha moeda de 20 céntimos. De igual xeito, Telmo reparte DVD  con mais facilidade que outros trípticos. No concello de gondomar, o mesmo se agasalla a destacados peperos con xoias de ouro, que se fai unha papancia pros seareiros; así na meirande parte dos concellos.quixen calculalos cartos que fan falla pra semellantes campañas, e deume un baido; total que me sentín incapaz de facer un cálculo; se alguén é capaz de facelo, adiante. Pra min é un misterio.

 

 

20/05/2011 17:06 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

¿QUÉN ACANEA O BERCE?

20110521104843-manipulados.jpg

 

 Tamén é un misterio as concentracións e manifestación dos indignados,  os que solicitan unha democracia distinta, aínda que sen concretar propostas, e digo eu, habería moitas reivindicacións que facer: por exemplo supresión do Senado, supresión das Deputacións provinciales, supresión das aportacións a airexa, supresión das aportacións ós sindicatos, supresión de privilexios dos  Deputados, refundición de concellos, supresións de Ministerios; en total un aforro de mais de 80.000 millos de euros ó ano, suficiente pra non facer ningún recorte social; pero iso non o piden, solo fan, por facer, algunha tímida petición neste sentido. A  sospeita dunha man oculta que os manexa faise patente.  Por qué non fundan un partido político, por qué desafían as Institucións Democráticas. Algo cheira mal.

 

21/05/2011 10:48 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Ó SERVIZO DA ESTRATEXIA

20110523112042-360-1-1-032.jpg

 

   Feijoo, pequeno Presidente de Galiza, pasa dos problemas da Autonomía. Vese que non foi posto pra gobernar, senón pra  sela mosca cojonera da oposición. Malia a uns resultados moi satisfactorios, pra el, non acadou a Galicia única que pretendía. As esquerdas  resistiron mellor que no resto de España e, aínda que é seguro un futuro triunfo de Rajoy, queda partido; e vai seguir viva a liberdade

23/05/2011 11:21 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

O DÍA DESPOIS

20110524110003-imagescatavebc.jpg

 

   Nesa mais de media Galiza urbana, na que Feijoo non logrou acada-lo goberno dos concellos, é previsible que sigan gobernando os mesmos alcaldes. Feijoo logrou un aceptable éxito na provincia da Coruña, pero fracasou nas outras, malia incremeta-lo  número de concellos que pasan ó dominio popular.

     Houbo un corremento de votos; por un lado, os votos volátiles do PSOE pasaron ó PP, por outro, os votantes, digamos: críticos, que apoian os partidos da coalición concentraron o voto no partido mais votado; tal foi o caso de Teo, Ou Pontevedra, onde se inclinaron polo BNG ; ou caso de Vigo, Lugo e Ourense, onde o beneficiado foi o PSOE. Dese xeito o electores “críticos” impediron  o avance do PP. A falta dunha segunda volta foi salvada pola actuación intelixente dos electores, xa que a Lei Electoral, baseada nos sistema D´Hondh, favorece ós partidos mais votados. Nembargantes, unha ducia de votos, déronlle o concelleiro  nº 13  ó PP, en detrimento do BNG e, con el, a maioría absoluta ó PP.  Tamén na Coruña Negreira fíxose coa lcaldía por un puñado de votos. Houbera sido un fracaso pra Feijoo; pero o xogo é así.                                                                                                                                                                                                                                   

24/05/2011 11:00 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

NA CAMA

20110525110240-cura1.gif

 

         As parellas galegas pódense levar un susto; pódelles aparecer con eles na cama Feijoo. !Parellas galegas!, cando forniquedes que sexa pra procrear, do contrario será pecado. A Lei que regula a familia, inspirada no credo da extrema dereita do PP e o clero, transportanos a época preindustrial e a España clerical de Franco. Recordoume un caso real, que coñecín, de control dunha parella por parte da sogra, que durmía no mesmo cuarto que o matrimonio pra controla-la súa fogosidade sexual. A inoportuna norma ten or obxectivo boicotear calquera política progresista da sexualidade e introducir un control moral e clerical da familia, ou das relacións humanas

25/05/2011 11:02 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

A AUSTERIDADE MUNICIPAL

20110526104106-pc3-precios-coches.jpg

 

          Sen dubida queda ben iso da austeridade coa que fachandea o PP pero, ademais do antecedente do goberno da Xunta que incrementou os gastos correntes nun 7% e do endebedamento pra apuntala-los candidatos ós concellos, do luxo do que se rodean os  cargos da icineradora de lixo de Cerceda, nomeados polo PP, con contratos blindados; nada se di da redución dos soldos dos alcaldes e doutros gastos municipais. A austeridade non se ve, nin se lle espera; solo é un gancho publicitario. Do meso xeito, o famoso código ético, é como un xarrón decorativo, rebasado por Louzao, por Negeira, por Ana Mato, polo Conselleiro de Industria, por Rueda, polos directivos do IGAPE, etc.

26/05/2011 10:41 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

O ENCHUFE MANDA

20110527104917-5573-129607364520-93617154520-2149983-4621909-n.jpg

      No pais do paro o enchufe manda. Galicia, cun incremento terrible do paro, atopou nas políticas de Feijoo o remedio pra esta doenza social; os galegos, mais que un traballo queren un enchufe.  O único que lle ofrece este horizonte é o PP. Un mirada ó redor lévanos a esa política tan usual da Deputación de Ourense, pero tamén ás prácticas da Xunta con esas sospeitosas proba e os centos de contratados a dedo; ás prácticas dos concellos do PP. O que leva o convencemento de que solo o PP che da a posibilidade dun enchufe. Feijoo non da esperanza de traballo, da posibilidade de enchufe, iso calou fondo nun pais en que se aspira a vivir do público. Os galegos non queren traballo, queren enchufe.  A política clientelar do PP é unha garantía. Moitos candidatos a alcalde usaron esta técnica; un voto, un choio. Pra completalo mapa quedounos claro que a corrupción non é mal vista polo electorado do PP.  A cargos imputados por corrupción, mesmo saíron beneficiados e a corrupción nos lles pasou factura, porque os electores esperan beneficiarse do clientelismo e da corrupción.

27/05/2011 10:49 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

DEFENESTRADO

20110528110107-imagescatavebc.jpg

        Nas derradeiras roldas de presa que se televisan dende Xénova desapareceu as omnipresentes imaxes de Feijoo; dá a sensación de que Feijoo non acode a estas xuntanzas; nembargantes el está aí. Esta nova  política do PP de ocultar e borrar de calquera protagonismo a Feijoo non é casual. Pódese interpretar como un intento de Xénova de afastarse do protagonismo de Feijoo e dos seus patrocinadores da extremadereita, conscientes de que a lealdade de Feijoo a Rajoy é casual e pouco de fiar, que a súa cruzada contra dos roxos é inspirada por outras  lealdades e que pode supoñer un perigo, unha bomba que pode facer salta-la a dirección do partido. Un pouco fiable militante que, ademais,  fracasa no seu intento de Galicia única e que sementa a crispación en todo o que toca.

28/05/2011 11:01 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.

NON O CESAN, DIMITE

20110530105025-41800-104054672961766-1532-n.jpg

    Os asuntos nos que se ven imputados os dous altos cargos do PP de G, en boa lóxica, houbera suposto o seu cese fulminante. De afectar a outro partido o PP estaría bramando. !Que diferentes se ven as cousas cando é a propia casa a que está no ollo do furacán!. Tres cousas podemos sacar deste asunto, 1º.- a lixeireza da xuíza facendo pasear por Galicia adiante a dous persoas esposadas, ás que, independentemente da súa responsabilidade penal  na que puideron incorrer  xa foron condenados, en 2º lugar.- a sospeita de que no goberno de Feijoo a corrupción é unha constante en tódolos niveles, 3º a tomadura de pelo á sociedade galega, ó menos a parte dela,  suspendendo de soldo ós encausados e logo di que dimite, pero sen facelo. A suspensión de emprego e soldo é  procedente nun caso dun funcionario; a un Director Xeral, simplemente se lle cesa. A responsabilidade alcanza tamén a que os nomeou. Feijoo xa se apresurou a dicir que el non fora. Continuará....

30/05/2011 10:50 mmarcos #. sin tema Hay 2 comentarios.

COMO NON PODÍA SER DOUTRO XEITO

20110531110256-09re.jpg

 

      Como non podía ser doutro xeito; porque non  lle queda mais remedio, A Xunta colaborará coa xustiza. Polo de pronto xa puxeron en marcha o ventilador pra espallar sobre os demais unha sospeita de irregularidades. Quere facer crer que colaboran coa xustiza, intentando que se lles recoñeza o estatus procesal de parte, e dese xeito ter acceso á instrución do sumario. Non é posible que pretendan ser parte acusadora  no  proceso, cando formal parte do Consello Rector do IGAPE membros do goberno. Quén vai crer que o Conselleiro de Industria, do que depende o IGAPE, non está metido ata as orellas,   cos antedentes que ten; especialmente co eólico; quén vai crer que a Conselleira de Facenda non está implicada, si forma parte do consello do IGAPE; xunto con Rueda, implicáde-los dous no amaño das oposicións. Feijoo  detrás. Non lle vale querer escabullarse. Como dixo Aymerich non é de fiar como compañeiro de escalada, porque é capaz de cortarche a corda. Iso sábeno moi ben en Xénova.

      Cando moitas empresas loitan por sobrevir, cando  o I Mais D  mais I, non se axuda, cando non se poden crear empresas novas; porque o crédito é despilfarrado e pérdese nos escuros vieiros da corrupción,  por un goberno que ten o seu máximo na concepción de Galicia como unha finca da súa propiedade. A desesperanza é lóxica, e non a salva ningún discurso de ningún mentireiro.

31/05/2011 11:02 mmarcos #. sin tema No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris