ENCRUCILLADA
A miúdo, na vida, xorden encrucilladas e atopámonos na obriga de coller un ou outro camiño. A meirande parte das veces os camiños xa están feitos. Ir por camiños xa andados teñen o risco de levarnos a comete-los mesmos erros dos que antes transitaron polos eles, a cambio non temos a necesidade de expremi-los miolos, nin afrontar decisións persoais que xustifiquen as novas e distintas escollas.
A Cidade da Cultura, que se está levantando en Santiago, leva tragados centos de millóns de euros; e o que lle queda. Foi unha polémica decisión da derradeira etapa Fraga, ó fronte do PP e do goberno galego; nunca estivo claro o desenvolvemento do proxecto. Dicíase, en son de chanza, que era o mausoleo de Fraga; pero o certo é que, foi mais un enredo no que Fraga se veu metido, pola desmedida megalomanía dalgún achegado seu, que unha idea súa. O custe orzamentario inicial quedou asulugado nos sucesivos incrementos, que disparou a inversión para o seu remate a límites impensables. Si esto xa é grave, o futuro vese mais escuro, ó non ter un proxecto de contido definido. A rendibilidade e os custes de funcionamento son negros nubarros que condicionan o seu desenrolo. Non se trata de falar da cultura en lata, nin de concebi-la cultura como un negocio, senón de ser realistas, poñe-los pes no chan e valorar prioridades no marco de uns recursos moi escasos.
A cultura galega é de tódolos galegos e o proxecto da Cidade da Cultura non é solo de Santiago; mais é innegable que os orzamentos en cultura van a parar, maioritariamente, a este proxecto. Cando hai tantos furados que tapar en cultura, ó longo da xeografía galega, é difícil xustificar un megaproxecto desta magnitude.
Si o asunto da Cidade da Cultura xa é de seu importante e complicado, en mans dun goberno inimigo da cultura galega, dáme medo imaxina-lo futuro que lle agarda. Que morra a cultura, como dicía aquel fascista.
1 comentario
serpe -