Blogia
A MIÑA TERRA GALEGA

DIA DE GALICIA MARTIR

DIA DE GALICIA MARTIR

 

          O 17 de agosto do 1936, foi fusilado na Caeira (Pontevedra), Alexandre Bóveda. Levaba un tempo detido, pero os fascistas de Pontevedra eran moi mirados e non querían estropea-las festas da Peregrina, polo que  non o  fusilaron ata que as festas remataron.

          Pros que non coñezan o sitio, direilles que a Caeira e un lugar perteneciente o concello  de Poio. Situada ó outro lado da ría, fronte a Pontevedra, á que está unida pola ponte da Barca.

          Naquel tempo a Caeira era medio monte; hoxe non queda rastro daquel feito; a Caira está totalmente urbanizada e, incluso, o eucalipto contra  o que o fusilaron cortárono, ó pouco dos feitos  pra non deixar rastro. Hoxe hai un sinxelo recordo, a modo de monumento, no lugar; é un monumento sinxelo, sinxelo como era el, pra recordar a un home tan grande, non se precisan mais monumentos que a súa obra.

          Os restos mortais de Alexandro Bóveda descansan no camposanto de San Mauro, en Pontevedra. Os 17 de agosto celébrase un acto de memoria fronte a súa tumba.

          Pros que fan lembranza  daquel 17 de agosto, non solo é o recordo do pasamento de Bóveda, é o día de Galicia Mártir, (que empregou por primeira vez Castelao) dedicado a tódolos que sufriron e deron a súa vida por Galicia.

          Castelao, cando se enterou, no exilio, do fusilamento de Alexandre Bóveda, pronunciou aquela frase: “non enterran cadáveres, enterran semente”.

         Bóveda naceu no seo dunha modesta familia de Ourense, estudiou peritaxe Mercantil, destacou como opositor do Ministerio de Facenda,  ofrecéronlle ir pra Madrid pero, por morriña, ou polo que fora, quedou en Galicia, nunhas segundas oposicións, tamén sacou praza e esta vez cólleo destino na Delegación de Facenda de Pontevedra, onde foi xefe de contabilidade. O meu modo de ver, destacou mais como persoa e como técnico, que coma político.

          No plano político, participou en tertulias que se celebraban nun café, situado cerca da Delegación de Facenda; tamén escribiu en revistas, dende a súa época de estudiante. Colaborou na redacción do estatuto; a parte facendística foi obra súa.

          Pros seus compañeiros da Delegación de Facenda era un membro moi querido daquela familia de funcionarios, e o seu recordo permaneceu nos seus corazóns.

          Foi o primeiro presidente da Caixa Provincial de Pontevedra. Daquela, no nacemento da Institución, primábanse os  criterios técnicos. Foi a Cataluña e o Pais Vasco pra coñece-lo funcionamento alí das  Caixa de Aforros

          Encargáranlle, na súa condición de técnico en facenda, unha distribución, a nivel provincial, da contribución; aquelo tróuxolle moitas enemistades. A súa morte foi unha vinganza cruel e ruín.

           Un garda da prisión aconséllolle que fuxira, pero el non quixo; tiña a conciencia limpa e pensaba que non  lle iba pasar nada; pero pasoulle, igual que a moitos inocentes.

          O noso recordo e agradecemento, non solo a Alexandre Bóveda, senón, a tódolos  bos e xenerosos.

2 comentarios

Castrelos con cachelos -

Un dos méritos máis destacados de Alexandre Bóveda foi a súa participación na asemblea pro-estatuto celebrada en Santiago de Compostela e sendo elexido como redactor, tendo un papel moi activo na redacción e debate do mesmo. Descanse en paz!!!

serpe -

Que oportuna a lembranza a unha figura tan senlleira como a de Bóveda, vítima dos excesos dos franquistas, axustizado de maneira cruenta e desprezado co esquecemento na memoria de xeracións de galegos e galegas.