ALBA DE GLORIA
O día 21 a Alba de Gloria volve soar no Pico Sacro
O próximo día 21 Galiza Cultura organiza por segunda vez o Roteiro Castelao Pico Sacro para rememorar a subida ao monte do autor de Sempre en Galiza.Sermosgalizahai 5 horas
Castelao no Pico Sacro
En 1924 Castelao subía ao Pico Sacro para conmemorar a festa nacional galega prohibida pola ditadura. Desde Bos Aires, o 25 de xullo de 1948 Castelao pronunciaba o seu máis coñecido discurso, o Alba de Gloria no que a súa memoria evocaba a terra da que se tivera que exilar. “Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única”. O inicio do Alba de Gloria constitúe un dos textos máis emocionantes escritos desde o exilio galego. Cos miles de quilómetros de separación, Castelao naquel día da festa nacional sinte ca terra da que se exiliou despois do golpe militar, terra e historia que evoca no seu discurso. “Pero ninguén pode sentila, coma nós, os emigrados, porque en tal día coma este revivien as lembranzas acuguladas, e coa moita destancia agrándase o prodixio da patria” sinala nun dos seus textos máis intensos. O texto está inzado de lugares e nomes cos que percorrer Galiza e a súa memoria, unha nómina da “Santa Compaña de inmortaes” que vai canda el no máis sinalados dos días.
Volver sobre os seus pasos
Nesta festa que chama de culto panteísta, Castelao volve de novo no seu discurso ao lugar que escollera como peregrinaxe para a conmemoración de 1924, cando anota que “ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro”. A ese mesmo destino diríxese de novo a federación de asociacións culturais Galiza Cultura para rememorar por segunda vez cunha lectura pública do Alba de Gloria o roteiro desenvolvido cando a ditadura impedía a conmemoración da festa nacional.
“Volver sobre os seus pasos”, este é o o obxectivo desta convocatoria popular na que se quere volver sobre a peregrinaxe pagana do Pico Sacro como Castelao regresou imaxinariamente a ela ao pronunciar o seu intenso discurso en Bos Aires. Con esta homenaxe ao autor de Sempre en Galiza, búscase ademais “lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias coxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura”.
Quérese tamén lembrar o labora desenvolvido polo Seminario de Estudos Gaelgos arredor do simbólico monte que “visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo”, comentan desde Galiza Cultura.
O sábado ás 21 terá lugar a lectura de Alba de Gloria e o inzado da bandeira no curuto do Pico Sacro coa participación da escritora Marta Dacosta. A continuación desenvolverase unha visita guiada a redor do monte para continuar cun xantar de confraternidade no que haberá recital poético e a actuación do grupo A Quenlla. O pasado ano tivo lugar por vez primeira este roteiro popular polo emblemático monte, no mes de xullo, na memoria daquela conmemoración da festa nacional. (para se inscribir no xantar www.gzcultura.org).
0 comentarios