A ADMINISTRACION LOCAL
Coa creación das Superdelegacións da Xunta, houbera sido un bo momento para facer unha fonda e necesaria reforma na administración; o malo é que temos un Presidente que non ten capacidade, nin independencia pra meter a Galicia no século XXI, e o único que se lle ocurreu foi crear esas Superdelegacións. Efectos: incrementase a burocracia, mais gastos, ningún servicio, pero contrólase dende San Caetano, a través delas, a Administración Periférica da Xunta.
Os órganos administrativos proliferan como setas. Nun nivel inferior a Xunta hai: comarcas, fundacións, agrupacións, areas , etc; un verdadeiro bosque administrativo, plantado sobre o lombo dos galegos, que teñen que soster unha enmarañada burocracia.
O lóxico sería suprimir dunha vez estes órganos e articular unha administración local axeitada para este século.
Despois de escoitar a Feijoo, na reunión cos presidentes das deputacións, falar do seu proxecto; comprendemos que, o que non ten e proxecto, funciona a golpe de presións e intereses.
Si quen ten que gobernar, carece de capacidade e non ten ideas, se é a primeira flor dun xardín de bonsais; non podemos esperar que sexan precisamente os órganos a suprimir, nunha posible reforma, os que se eliminen de seu, pra dar paso a unha organización administrativa austera, e que responda ás necesidades sociais do momento.
O Presidente da Deputación de Lugo. Deu signos de ter un pouco de siso; pois segundo el non consiste en agranda-las Deputacións con mais competencias e mais financiación, non se trata de votar mais peso enriba das costas dos administrados, senón de optimiza-los recursos que teñen, no lado contrario está o Presidente da Deputación de Pontevedra, que quere mais de todo, sen saber pra que.
Tanto o POSOE como o PP intentaron blinda-las Deputacións e que foran unhas entidades territoriais eternas, déronlles un recoñecemento constitucional; así, nun ou noutro territorio, (Cada partido tiña o dominio dunha parte de España), controlaban as redes clientelares.
As Deputacións responden a un concepto de división territorial do Estado, unha división artificial, que co paso dos anos, logo de mais de dous séculos, adquire certa carta de natureza.
Distintas son as estructuras territoriais seculares coma a parroquia, que Fariña Jamardo remitía as súas orixes ás Citanias celtas, nas que se asentou a Igresia, pasando a chamarse parroquias.
A división territorial ideada por Javier de Burgos, fíxose dende Madrid, sen ter en conta a realidade do territorio; por eso temos hoxe un Bierzo, unha Sanabria e un occidente de Asturias; chamándolle algúns a estes territorios “terra irredenta”, Pero vexámolo como simple feito histórico e non caiamos na tentación de reclamalos, que por moi romántico que fora, tamén o podían entender como un afán imperialista, e si aínda non defendemos o que temos, non é cousa de meterse en mais lerias.
Os Concellos necesitan dunha urxente reordenación do territorio, pra optimiza-los recursos e prestar uns servicios axeitados. Si queremos facer algo mais que deixar cos concellos sobrevivan esmorecendo lentamente, temos que pensar en reducir drasticamente o número de concellos.
A integración da Administración local na autonómica e a súa reordenación territorial, terá moitos inimigos, non solo dende o plano político, que se eliminarían concelleiros, deputados, alcaldes, etc, senón dende o propio funcionariado local, que o equipara-los ós da Administración Autonómica verían diminuídos os seus ingresos.
4 comentarios
Jacinto Chinto -
serpe -
Nos mesmos -
piuxiño -
E vai ser o sr.feijoo o encargardo de renovar estes tinglados??? Imos listos...