Blogia
A MIÑA TERRA GALEGA

DE XULGADOS E ÁRIDOS

DE XULGADOS E ÁRIDOS

 

 

  Unha vella maldición galega di: “que teñas preitos e os ganes”. Hoxe, mais que nunca, parece de plena vixencia ese dito. Cando se quere desprestixiar a alguén, nada mellor que metelo nalgún enredo xudicial. Non importa ter razón; o dano xa queda feito coa cuestión  xudicial. A lentitude xudicial engade o resto. Tamén soe ser un procedemento utilizado pra despistar ó persoal, ben facendo que o foco se oriente pra outro lado, ben poñendo en marcha o ventilador e ciscando merda sobre outros. De pouco importa que co tempo, como pasou na caso  dos muíños de vento, probas selectivas da Xunta,  Atocha, ou Faisán, se demostre a falsidade das acusacións, o obxectivo cumpriuse, e con custe gratis.

   Os áridos almacenados no porto exterior do Ferrol xa foron usados pra asfaltar rúas, pistas forestais, pistas de concentración parcelaria, e mesmo entradas de predios particulares. Unha colleita de votos pras municipais e uns cartiños pro emprendedor. Agora a pregunta do millón. Polo fume sábese onde hai lume. Actuou en solitario o Deputado Escribano, ou era un mero enlace, formando parte dunha trama mais ampla, e co seu cese quíxose facer un cortalumes. A choiva filtra os contaminantes  á capa freática; pozos e captacións de auga de consumo están a ser contaminadas. Evidentemente, hai mais que unha corrupción, hai un delito ecolóxico. Tamén queda, e non é menos importante, o caso do alcalde de A Coruña, que avisou o Deputado que estaba sendo investigado. Filtracións, revelación de segredo, etc, tamén poden ser delito.  

0 comentarios