Blogia
A MIÑA TERRA GALEGA

CONTAXIOS

CONTAXIOS

 

            Coñecín un Prócer da administración autonómica, que cando tiña unha visita e lle daba a man, corría ó lavabo  a lavalas mans; era un esaxerado.

            Certas efusividades sociais poden transmitir doenzas difíciles de tratar. Cousas tan sinxelas como da-la man, ben chocala; pero dar un bico, ademais de poñer de manifesto unha familiaridade, supón un risco de contaxio meirande; xa non digamos si solta baballas, ou ten unha capa de repintara que lle agocha calquera cousa que teña na pel. Ben mirado é  un risco engadido ó saúdo da aperta de mans.

           Na entrevista,  que o membro da Mesa de Normalización Lingüística Sr. Callón, tivo co Conselleiro de Educación e unha representante de Galicia Monolingüe, a representante  de Galicia Monolingüe deulle ó Conselleiro  dous afectuosos beixos, ó representante da Mesa a man. A noticia  mais salientable é que ninguén precisou asistencia médica, que  se saiba, tanto por contaxio, como por conxelación. O saúdo aséptico é o mellor, dende logo. Nada anormal, temos que ver estes encontros coa meirande normalidade; aínda que neste caso é imposible non apreciar un trasfondo nos modos, que fai evidente certas actitudes.

           Os contaxios non son so de transmisión de doenzas. Modos, prexuízos ou xeitos de vida, determinan a actuación dos cargos públicos; como é o caso do Conselleiro de Industria, home que ten que facer a cotío, a cuadratura do círculo, para separar modos de actuación do  ámbito privado coa xestión que ten encomendada; cómo casa-la deslocalización a Portugal que ven facendo nas súas empresas, lexítima, dende logo, coa súa actividade pública que lle encomendou Feijoo. Parece como si a un raposo lle encargáramos de gardar das galiñas. Logo cabréase cando, no Parlamento, lle mencionan o caso. O que dixo, tamén con moito enfado, debe ser que  se lle acende a cachamúa con facilidade, que Zapatero metía a man no peto dos galegos cando aprobou o plan de axuda o automóbil; logo, a actuación do goberno de Feijoo veu en ratificar a Zapatero, implemetando as axudas  e poñendo en evidencia de que eran incapaces de facer unha proposta propia.

           As actuacións do Conselleiro de Industria poden vir contaxiadas polos seus intereses privados pero, polo menos, tivo o sentido común de non anula-lo concurso eólico, o mesmo que fixo o seo colega da Presidencia coa LEG; o que levaría a meter de verdade, e a fondo,  a man no peto dos galegos, para paga-las extravagancias do desgoberno.   Sen non o fixo, tampouco é garantía de que no no intente no futuro, senón alguén llo demandará.

 

0 comentarios