Blogia

A MIÑA TERRA GALEGA

REUNION DO BCE

REUNION DO BCE

 

Vendo as imaxes dos asistentes á reunión do BCE, tódolos asistentes con traxes negros. Pensei, eu, que a reunión era un funeral. O cadaleito podería ser o de calquera pais da UE en crise. Unha imaxe dende logo desacougante, que ben puidera entenderse como unha reunión de buitres pra comerse os cadáveres. Os banqueiros retrátanse nestas imaxes.

 

CAERAN COMO O MURO DE BERLÍN

   A Presidenta da CCAA de Madrid está metida en plena campaña antisindical, quere eliminalos. Moitos dos seus compañeiros de partido pensan o mesmo, aínda que non o digan. O que pasa é que Esperanza sempre camiñou por sendas chans e sen que tivera que superar ningún obstáculo, iso deulle mais que confianza soberbia. Esperanza, que ven de familia rancia, ten ese xeito de ve-la vida, na que uns poucos privilexiados poden decidir o que é lexítimo; e a rúa é súa. No seu favor ten que os sindicatos desprestixiáronse por un exceso de privilexios e sindicalistas que non eran tales, senón vividores.

FÚTBOL

FÚTBOL

 

  Non son aficionado o fútbol negocio; menos apaixoado seareiro. Motivo que pode explica-la miña postura diante de maneiras de vivir este mal chamado espectáculo. Non concibo esa devoción incondicional por un equipo de fútbol, formado por mercenarios, que cobran cantidades estratosféricas, coas que nin sequera me atrevo a soñar, mentres, o noso carón vemos xente que non ten pra comer. Sería unha utopía sen sentido, pero gustaríame que a liga a gañara un equipo con pouco presuposto. Por exemplo o Celta, aínda que non xogue en primeira. Van de segundos. Subiran a primeira.

O DÉFICIT

O DÉFICIT

 

     O déficit das administracións está dacabalo entre o despilfarro e a inxeniería contable. Uns estiran o pe mais que a manta e despilfarran, ben sexa porque son malos administradores, ou porque o diñeiro non é deles e non lles doe; outros usan trucos de inxeniería contable: emiten débeda, ou non pagan ós acredores. Feijoo, quén o diría, é un artista. Emitiu tanta  débeda coma tódolos gobernos que  lle precederon.  Iso si, cumpriu o déficit. No xogo, a oposición parece que o asunto non vai con ela. A credibilidade de España queda na lama. Todo grazas o PP.

NON TEÑEN LÍMITE

 

   O PP nunca puido soporta-la crítica. Non atura que a TVE sexa independente e poña o descuberto o lixo que trae  o goberno. Está claro que os recortes ás clases mis débiles van a traer unicamente pobreza, pero iso non lles importa, o que realmente lles importa e controla-la información, que a xente siga as consignas do PP, coma si se vivira no réxime franquista, do que son herdeiros e gardiáns; así a xente vive nun mundo alleo á realidade. Con todo, estou de acordo de que os conselleiros se lles pague solo a dieta de asistencia.

O LIGÚICIDA

O LIGÚICIDA

 

   O PP Humilla e prostitúen a memoria do máis xenuíno patriota galego que morreu no exilio, entre outras cuestións, por defender a lingua galega. Pra xustifica-la súa política lingüista, Alberte Núñez Feijoo, pronunciou en castelán na Cámara un extracto do discurso Alba de Gloria de Castelao, que pronunciou en galego. No día de hoxe seguen coa súa cruzada antigaleguista e non  deixan de mencionar a política do bipartito como unha suposta política de división da sociedade galega, cando foron eles os que fixeron unha política de axitación, usando o galego como arma contra dos propios galegos. Dende que a tribu feixoniana e xoseantoniana gañou as eleccións nada cambiou, no canto de ocuparse de gobernar e dar solución ós problemas dos cidadáns, enroncáronse nunha política de desgalización lingüística, na que non regatearon en cartos e esforzos

A HERDADE

A HERDADE

 

  A herdade recibida é o que levamos escoitado fai meses. Pra cando deixaran de falar do mesmo é traballarán. É o momento de que Rajoy deixe o puro e o sofá e  traballe. Xa é a hora de falar dos herdeiros e menos da herdade A ruína de España está en Madrid e en Valencia, sistemas financeiro en quebra, Caixa Madrid, Bancaja, Banco de Valencia, Caixa de Aforros do Meditarraneo etc..Autoestradas radiais de Madrid, todas en quebra, Comunidade Valenciana en quebra total, Concello de Madrid con máis débedas que todos os Concellos de España e sen esquecer Caixa Galicia e a esterqueira de Murcia. Co prima de risco por riba dos 500 puntos, co paro medrando e a bolsa baixando; logo falan de herdanza recibida estes mentireiros compulsivos

POR ENCIMA DA LEI

POR ENCIMA DA LEI

 

   É coñecida, ó menos en aparencia, as fondas conviccións católicas do presidente do TS. Si é verdade o uso de fondos públicos pra  gastos privados, ademais dun roubo, que é delito, tamén hai un pecado mortal, dos gordos. ¿Onde estaba a Intervención Delegada?. Coa situación económica do momento, estes feitos demostran que hai xente que é de outra galaxia, que non se privan de luxos, que os gastos que consideran unha calderilla, unha familia viviría un ano; ademais nos lle preocupa o delito, porque están por encima da lei, nin o pecado, porque se consideran igual que  Deus.

ANTECEDENTES

ANTECEDENTES

 

   Pra sabelo que pasou, e por qué pasou, o de Bankia e outras entidades, chega con botar un ollo as declaracións de Juan Pedro Hernández Moltó, o ex presidente de Caixa Castela-A Mancha, a primeira entidade que foi intervida polo Banco de España, recoñeceu recentemente que Cospedal lle pedira en 2007 que colocase o seu marido na caixa. Reuninme con ela, que xa se fixera cargo do PP de Castela-A Mancha. E esixiume unha soa cousa: que colocase na caixa a Ignacio López del Hierro. Apelou á cota do PP, e non me pediu que colocase a ninguén máis. Eu aceptei porque entendín que era o prezo para pacificar a caixa. Tivemos que ampliar o número de conselleiros da Corporación industrial para facerlle un oco, porque no consello da caixa era imposible,".

O QUE NOS AGARDA

O QUE NOS AGARDA

 

     Pasaremos diante dos seus restaurantes cos mocos colgando e eles estarán a comer a súa lagosta. O nosos fillos serán os seus criados e os seus fillos serán militares, xuíces, notarios e xefes de policía ou bispos;  tódolos anos e días fritirannos a impostos para pagar o seu tren de vida, os prezos cada vez máis altos e os salarios máis baixos. Cobrarase por saír á rúa. Falar custará a céntimo por palabra. Poñeranse multas ós que tusan, se limpen os mocos, ou se boten peidos sonoros.Os traballos poñeranse a poxa, e o que se ofreza por menos,concédeselle. Cando para un traballo haxa moitos aspirantes, encherase unha praza de touros e loitarán entre todos á morte. O que quede vivo, queda co posto. As entradas venderanse a 200 euros.

ÁNIMO MARIANO

ÁNIMO MARIANO

 

   Abril é tradicionalmente un mes positivo na evolución do emprego; pero se este ano só baixou o paro en 6.632 persoas, é un dato nefasto, a señora realidade volve darlle unha dura labazada en toda a cara a Mariano  e a súa reforma laboral, que non só non crea emprego, se non que o destrúe. En abril de 2011 (sen a actual reforma laboral), creáronse 64.309; os datos cantan. Para crear traballo é necesario construír un tecido industrial sólido, e non depender das importacións a nivel tecnolóxico, o investimento en I+D é imprenscindible, pero o actual Goberno non o ve así por desgracia. América Latina estanos a amosa-lo camiño Unha das posibles solucións é a nacionalización de empresas de sectores estratéxicos: transportes (Iberia), enerxía (Endesa, Iberdrola e Repsol), comunicacións (Telefónica), banca, etc... Hai que devolver a riqueza de España ao pobo español, en lugar de saqueala para escondela en paraísos fiscais. Esa é o único xeito de xerar emprego, pero que propón o PP? Privatizar, privatizar e privatizar. Xa falan de Renfe, ao final acabarán privatizando o osíxeno, iso si, polo ben de todos

O MAGO

O MAGO

  

  En plena crise, Feijoo saca un coello da chistera e crea a Axencia tributaria Galega. Si é partidario, aínda que non o fixo, de eliminar tódolos tributos propios e quedar coas esmolas que lle dea o Estado; ¿ a qué ven a creación da ATG, outro órgano mais nun momento de crise, ou acaso un chinguito pepero mais. Coa mesma cara, anunciou a lei de inclusión socia, gabándose de que agora hai mellor sanidade, con menos espera. Mellor educación, con menos fracaso escolar e mais medios. En servizos sociais mais prazas e aumento de medios. Que  se saiba non estaba colocado cando dixo iso.  

¿A QUÉN VALE?

¿A QUÉN VALE?

 

 

   A comparecencia do Valedor do Pobo no Parlamento despexou moitas incógnitas. O Valedor é un mais dos chiringuitos de Feijoo. Como tal sobra. Si o que quixo é salienta-la inutilidade da Institución, logrouno. A función do Valedor, non é poñerse obedientemente ó servizo dos que o puxeron no posto, esquecéndose da súa función costitucional, a función do Valedor é a defensa dos dereitos do cidadán. Non recordo que este señor se interesara por ningún grupo social en situacións, os mais deles, moi delicadas. Conclusión: denigrou o que debía se-la súa función, e fai prescindible o cargo, especialmente neste momento de recortes. Os que o apoien, demostrarán, sen lugar á mais mínima dúbida, que algo negro hai entreles.

TEMPORAL

TEMPORAL

 

    Montoro, coa  voz de pito, anunciou, pra que os xilipollas o traguen, que a suba de impostos será temporal, tódalas subas de impostos son temporais, nada é eterno, pero mentres tanto temos que fodernos. É falso que non haxa alternativas. O único que está a facer o goberno é aplicar unha brutal doutrina neoliberal, que consiste en deixar o sector público reducido á súa mínima expresión. O que pretenden os populares non é outra cousa que desmantela-lo estado de benestar. Socializa-las perdas e privatiza-las ganancias.

UN TEMPO NOVO

UN TEMPO NOVO

 

  Hoxe, en Europa, somos un pouco mais franceses. A esperanza dun novo rumbo na política económica chámase Hollande. Anxela Merkel meteunos na terceira guerra, esta sen armas, pero dende logo moi cruenta. O triunfo de Hollande supón unha esperanza pra Europa que albisca o final desta terceira guerra. non vai deixar de existi-lo eixo Paris-Berlín, porque entreles se necesitan, pero xa non será o eixo coa única dirección en Berlín. Á Merkel tamén lle están a medra-los ananos dentro de Alemania, e os socialistas avanzan. En España imos co paso cambiado. Así nos vai.

RECESION MARIANA

RECESION MARIANA

 

 

   A desacougante recesión  na que agora estamos, poucos a prevían, menos os votantes do PP, que pensaron que con chega-lo PP ó poder xa todos seríamos felices, que era o que prometía Rajoy nos mitins. Algúns protestan na rúa, outros están acollonidos, encollidos e pechados, cal caracol na súa cuncha, e a duras penas respiran.  A recesión é froito directo do empeño persoal de Rajoy en cumpri-lo déficit. Con ser necesaria unha disciplina orzamentaria, non se pode intentar facer caer o peso da crise sobre os que non a crearon e que son os mais indefensos no entrabado social. O sindicato de Técnicos de Facenda din que as pequenas empresas defraudaron mais de 26.000 millóns de euros e as grandes empresas mais de 50.000 millóns de euros. En contas en paraísos fiscais hai unha cantidade estimada de 75.000 millóns de euros. A xente que deu estas cifras  sabe do que fala. Coa teima de Rajoy de deixar como intocables ós defraudadores e poñendo todo o peso da crise sobre as clases medias e baixas, está orixinando un empobrecemento do país brutal. Eu penso que todo isto obedece a un plan pra elimina--las clases medias.

VENRES NEGRO, O Pistoleiro

VENRES NEGRO, O Pistoleiro

   Como dixo Rajoy, o destripador, vaiamos por parles, en pequenas dosis pra nos  vaimos facendo. Rajoy prometeu mais reformas; así que os venres serán os venres negros. A toma das rúas polos descontentos moléstalle. En realidade a esta xente do PP moléstalles que non agachen a cabeza, que fagan notorio o descontento. Eu non sei porque a xente non lle gusta vivir na pobreza; non aprecian o que o PP está a facer por nos; xente moi clerical, seguen os predicamentos e exemplo da airexa: o ceo pra nos e a terra pra eles. Rajoy, con prepotencia e chulería, anúncienos reformas tódolos venres. Este home non sabe do que é capaz a xente cabreada, cando non ten nada que perder. Xoga con lume. Non se pode empobrecer á maioría sen destruí-la democracia. Rajoy quere gubernamentaliza-la xustiza, a seguridade e a información; privatiza-la sanidade, a educación e a protección social, os servizos públicos esenciais da democracia

EIXO ROTO

EIXO ROTO

   O eixo Merkosi pode estar a punto de rachar. Si Sarkosi perde as eleccións, Merkel xa non tería o aliado francés pra impoñer a súa política de austeridade a ultranza a Europa, quedaríase sola no seu empeño en facer de Europa un solar hermo, pra conquista de Alemania. Algo que as multinacionais alemanas, promotoras de dúas guerras, non lograron pola forza. O seu autoritario discurso incorpora agora un matiz importante: a austeridade, por si sola, non chega pra saír da crise. Magoa que isto non lle entre na cachola a Rajoy. Aínda que o mellor ten pensado o seu propio vieiro. Un final, pros intereses dos seus, aproveitando a crise.

A SOEDADE DO GOBERNO

A SOEDADE DO GOBERNO

  

   Na presentación no parlamento dos orzamentos do estado fase mais patente que nunca a Soedade do goberno. Ningún grupo parlamentario lle da apoio. Montoro tiña a misión, como Ministro d Facenda, de facer unha presentación técnica, no seu lugar fixo unha presentación política, facendo recae-las culpas sobre ó anterior goberno. A cuestión é ata cando van bota-las culpas a outros e non van a poñerse a traballar. O atraso na presentación dos orzamentos, deixando pasa-las eleccións andaluzas, supuxo un custo de case 15.000 millóns de euros. O custo mais grande supono as diarias rectificacións que crean unha natural desconfianza nos mercados

DIA DO TABALLO

DIA DO TABALLO

   Día do traballo, pro que o teña. Tal dá coma hoxe, a traballadoras dunha fábrica de camisas, nos EEUU, que estaban na fábrica en folga, foron queimadas vivas no incendio da fábrica. O día de hoxe é na súa memoria. Hai indicios  de que en  Exipto, durante o reinado de Ranses III houbo unha folga de traballadores do Faraón. Aqueles traballadores eran obreiros cualificados; pero sobretodo eran singulares polo se cometido, preparaban a tumba do faraón. Pouco cambiaron as cousas, presionan e obteñen melloras os traballadores de sectores estratéxicos. Din que coa reforma de Rajoy volveuse á escravitude pero é peor. Na escravitude os traballadores eran unha propiedade valiosa e os amos coidaban dela. No liberalismo calculaban o rendemento que lles podían sacar ós traballadores, pra logo sustituilos por outros. As mulleres parían unha prolixa prole, que supoñíaa man abundante e barata de man de obra. Os neocons de hoxe son o mesmo, queren que as mulleres sexan simples obxectos reprodutivos.