ATADO E BEN ATADO
Dicía Franco que deixaba todo atado e ben atado; o pouco, todo se esmendrellou. Moitas promesas de Feijoo e ningunha cumprida; a historia é para aprender dela, para evitar que se repitan os mesmos erros, non para cometer mais. O que noutro tempo foi un rapaz dos campamentos das Juventudes Nacional Sindicalistas, con pantalón curto, teima con resucita-la grandeza do imperio, conquistando unha esquina de España e facendo realidade aquel soño do vello ditador.
Agora que alguén diga que os soños e as premonicións de Franco non eran reais; de facelas reais encárgase o novo líder, con consignas e con feitos mais materiais da vida diaria. Prométese mais xustiza, mellor goberno, austeridade, etc. En qué quedaron as promesas? a saber.
Os becerros ian subir de prezo, arranxaríase o do leite, disminuiríase o desemprego, non habería mais ERES, non habería revanchismo, habería austeridade no gasto público.
A realidade de hoxe, e non pasou moito tempo daquelas promesas, é ben distinta: os gandeiros cabreados, moi cabreados: os becerros non soben de prezo e o leite, como regalado; as fábricas do leite pechan e os tractores, que son máquinas para o campo, invaden as cidades e obstaculizan o tráfico urbano. A provincia de Lugo é a que mais sufre isto.
Incéndianse os conflitos do metal na provincia de Pontevedra e o do téxtil na Coruña, menos mal que Baltar mantén a provincia controlada.
No que vai de ano, incrementáronse os ERES, das empresas privadas, en case un catrocentos por cen. No sector público o ERE é permanente; todo aquel funcionario que, dun xeito ou de outro, colaborou co anterior goberno, no cumprimento do seu deber, foi cesado e perseguido, falo de funcionarios que non tiñan ningún cargo político; os que o tiñan xa lles chegou a coitela antes.
A austeridade no gasto ia ser esencial: créase, de facto, na administración periférica cinco provincias e increméntanse os cargos políticos, anúlanse contratos, coa correspondente idemnización a cargo dos contribuíntes; os funcionarios cesados nos seus cargos, cobran e pasan a expectativa de destino; pero co ERE vínganse deles; os seus soldos e os de os que os sustituen incrementan o gasto; pero non é problema, págao o de sempre, eles non.
Para pagar, estes e outros desatinos, emiten 30.000 millóns das antigas pesetas en débeda pública. Un goberno que siga unha elemental norma de bo endebedamento, non emite débeda nada mais que para inversións, nunca para gastos correntes, festas, subvencións os amigos, gaiteiros, cláusulas de penalización de contratos anulados, incremento desmesurado do gasto público, etc., etc; isto teranno que pagá-lo as xeracións vindeiras. ¡que pais!
0 comentarios